Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta remata as obras de construción dunha senda peonil e ciclista na AC-524 en Frades, nas que investiu máis de 225.000 euros


O alcalde agradeceu a celeridade da Xunta á hora de acometer esta importante mellora da seguridade viaria no municipio e sinala que “nos próximos anos conectaremos os núcleos da Pibideira e do Peñasco”

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-524 na parroquia de Abellá, no concello de Frades, que supuxeron un investimento de algo máis de 225.000 euros. A intervención centrouse na execución dun novo itinerario de 770 metros de lonxitude que dá continuidade á senda da travesía de Abellá.

Isto favorecerá os desprazamentos cotiás dos veciños e veciñas dos núcleos da Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos, tanto entre estas localidades como á hora de acceder a puntos importantes da parroquia como o cemiterio de Abellá, a Igrexa, a panadería, o supermercado, o consultorio de saúde, o campo de fútbol e o pavillón municipais ou o local social parroquial, entre outros. Un tránsito que agora poderán facer de forma cómoda, segura e saudable.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, agradece a celeridade da Xunta de Galicia á hora de acometer esta importante mellora da seguridade viaria no municipio, un tramo coñecido popularmente como “a costa de Abellá”. Así mesmo, lembra que esta actuación “se trata dunha primeira fase, pois dende o Concello temos a intención de conectar o núcleo da Pibideira co do Peñasco nunha segunda fase, que acometeremos nos próximos anos”.

Mellora da seguridade

Frades conta dende hoxe cun itinerario peonil e ciclista pola marxe esquerda da estrada AC-524, de 770 metros de lonxitude, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+820 e 8+590. A sección tipo neste treito da estrada consta de dous carrís de 3,50 metros, beirarrúa de 1,40 metros, unha senda de 2,50 metros en cor terrosa e gabia transitable de 1,20 metros. Nas zonas de cruzamento empregouse pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, ao igual que nos pasos de peóns, para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión.

As obras completáronse coa execución do sistema de drenaxe das augas pluviais, coa preinstalación para o alumeado público e a reposición dos servizos e sinais que se viron afectados na intervención. Tamén se instalou mobiliario urbano: bancos de madeira de piñeiro e papeleiras de listóns de madeira con estrutura interior metálica.

A actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta contou con financiamento da Unión Europea dos fondos REACT EU de resposta contra a pandemia. Con estas actuacións, a Xunta dá resposta a unha actuación demandada polo Concello, que busca fomentar a mobilidade sustentable nesa contorna, con vivendas situadas nas marxes da estrada, para favorecer os desprazamentos a pé, alternativos ao uso do vehículo particular, e mellorar a seguridade viaria dos peóns, os usuarios máis vulnerables da estrada.